Unha comitiva da Plataforma contra as Fumigacións1 mantivo encontros cos partidos politicos con representación no Parlamento de Galicia para tentar implicalos na campaña contra o uso do glifosato por parte das administracións públicas (PP, PSOE, BNG, AGE e Grupo Mixto).
Nestas xuntanzas, dende a Plataforma demos información aos deputados e deputadas sobre a inclusión deste herbicida na listaxe de substancias potencialmente canceríxenas da Organización Mundial da Saúde (OMS), así como os resultados de diversos estudos que demostran a presenza de glifosato no sangue das persoas e nos alimentos analizados, ou o grave problema derivado do envelenamento masivo de abellas, cos riscos que iso supón no seu esencial papel polinizador e as contiosas perdas provocadas no sector apícola.
As peticións da Plataforma contra as Fumigacións aos partidos políticos foron, principalmente, dúas:
-
Abrir un debate parlamentario e chegar a un acordo para deixar de utilizar glifosato en traballos levados a cabo polas diversas administracións públicas galegas -concellos, deputacións, Xunta- polos perigos que entraña o seu uso.
-
Que se impliquen na consecución do anterior punto facendo chegar aos concellos e ás deputacións nas que gobernan a moción para declararse oficialmente en pleno libres de glifosato.
Dende a Plataforma contra as Fumigacións valoramos positivamente estes encontros, xa que conseguimos o compromiso dos diversos partidos de trasladar a aqueles concellos e deputacións nos que gobernan a proposta de non utilizar glifosato polos graves riscos que representa o seu uso para a saúde da cidadanía e a conservación do medio ambiente.
Tralo fracaso da Comisión Europea na súa tentativa de prorrogar o uso do glifosato na UE até o ano 2025, agora teñen até o 30 de xuño para conseguir un consenso entre países que alongue a autorización deste pesticida en territorio comunitario, cousa difícil se pensamos que países como Francia, Alemaña ou Italia son claramente contrarios ao seu uso. Se non se acada ese consenso, a partir do 30 de xuño quedará prohibido o glifosato na UE. Por iso, para as organizacións e colectivos que formamos a Plataforma contra as Fumigacións, é de vital importancia conseguir un amplo número de apoios de concellos e deputacións, así como do propio Parlamento de Galicia, de cara a deixar patente diante das institucións comunitarias o forte rexeitamento que existe na cidadanía sobre este agroquímico ou outro calquera que implique riscos para a saúde das persoas ou a conservación do medio ambiente.




















Mañá día 31 de xaneiro poden darse pasos decisivos na Unión Europea para prohibir os praguicidas de tipo neonicotinoide que se probaron moi daniños para as abellas.