[Comunicado de prensa] A Delegación do Goberno prohibe a manifestación en Melide contra as fumigacións aéreas con pesticidas tóxicos

A Delegación do Goberno prohibiu a manifestación que se ía celebrar mañá, 29 de abril en Melide, convocada pola Plataforma contra as Fumigacións e en contra dos tratamentos aéreos con flufenoxuron para combater a praga do gorgullo do eucalipto. O argumento para prohibir esta protesta foi que a manifestación non se solicitou coa antelación de dez días a que obriga a lei para calquera acto desta índole que non se considere urxente.

Nembargante, para a Plataforma contra as Fumigacións, a urxencia estaba e está máis que xustificada, xa que as fumigacións con flufenoxuron —un pesticida que será prohibido o 1 de agosto pola súa alta toxicidade— son inminentes e está en perigo todo o sector apícola galego, a saúde pública e o medio ambiente.

A Plataforma contra as Fumigacións acata a prohibición e non celebrará a manifestación. Así e todo, membros da Plataforma desprazaranse a título individual até Melide mañá, domingo 29 de abril, para informar de ti a ti á cidadanía melidense, e á xente doutras localidades que se acheguen para participar na Foliada e no mercado feiral, sobre o perigo inminente destas fumigacións.