Onte ADEGA, entidade membro da Plataforma contra as Fumigacións, fixo públicos uns mapas coas ubicacións das fumigacións previstas por ASPAPEL e a Xunta, coa colaboración da Asociación Forestal e outros axente. Iremos actualizando con esta importante información revelada por ADEGA o noso mapa de alertas, pero namentres reproducimos a nota de ADEGA coas imaxes que eles fixeron públicas, incluindo as ligazóns aos mapas orixinais:
ADEGA vén de coñecer as zonas propostas por ASPAPEL para desenvolver as fumigacións dos eucaliptais co tóxico Flufenoxuron nas provincias da Coruña (40 localizacións), Pontevedra (28 sitios) e Lugo (1 área). Na documentación cartográfica, elaborada pola empresa Fitoaragón S.L., indícanse 69 áreas de 8 km de diámetro cada unha, denominadas “zonas de tratamento químico”. Nelas localízanse as masas de eucaliptos máis densas e con maior afectación do gorgullo, mais tamén inclúen lugares habitados, cursos fluviais e mesmo espazos da Rede Natura 2000. Dada a toxicidade do principio activo e a enorme dispersión dos métodos aéreos, persoas, animais e mesmo biodiversidade ameazada estarán expostas ao veleno. ADEGA advirte á Xunta de que podería estar sendo cómplice, de seguir “avalando” estas prácticas, dun delicto contra a saúde das persoas e o medio ambiente.
Un importante número das áreas nas que están proxectadas as fumigacións inclúen territorio da Rede Natura 2000 no que están presentes, entre outras, especies protexidas de insectos a cuxa conservación obriga a Directiva 92/43 CEE e que tamén se verán afectados polo tóxico. Por exemplo, a bolboreta Euphydryas aurinia e o escarabello Lucanus cervus (vacaloura) están consideradas de interese comunitario e figuran no Anexo II da Directiva de Hábitats.
A maiores, as poboacións do lepidóptero Zerynthia rumina, considerada en perigo de extinción e do coleóptero Cerambyx cerdo (capricornio das aciñeiras, o escarabello máis grande de Galiza), vulnerábel, poderían sufrir os efectos das fumigacións. E alén dos insectos protexidos, tamén as aves insectívoras e os morcegos, entre outros, acusarían os efectos do veleno. Atendendo á Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e á Lei 9/2001 de Conservación da Natureza calquera dano a estas especies podería ser constitutivo dunha falta moi grave e mesmo dun delicto penal, coa agravante de ser a propia administración quen o cometería.
Tivo en conta a Xunta a presenza destas especies protexidas, ameazadas e en perigo de extinción nas parcelas fumigadas, incluidas ou próximas a espazos protexidos? Considerou a Xunta os riscos das fumigacións sobre a saúde das persoas e a calidade dos recursos hídricos, dada a presenza nas “zonas de tratamento” de núcleos de poboación e cursos fluviais? Cal é a opinión da D. X. de Conservación da Natureza, da D. X. de Saúde Pública e de Augas de Galiza polo que atinxe ao envelenamento da auga?
A escandalosa submisión ao lobby do eucalipto que amosou a administración galega, corroborada por unha política forestal hiperpermisiva coas pasteiras e os seus intereses (Lei de Montes, Orde dos cultivos enerxéticos), non pode xustificar o envelenamento deliberado das persoas e o medio ambiente.
Segundo este mapa, se temos 69 puntos de 8 km de diámetro iso fai un total de 3.466,56 Km2 por fumigar, é dicir, case 350.000 hectáreas! Máis de 3 veces a extensión anunciada (100.000)!!!
Segundo explicou oficialmente a Xunta, habían ser apenas 10.000 ha… http://fumigacionsnon.org/2012/05/03/a-xunta-contradi-a-propia-etiqueta-do-pesticida-e-a-normativa-europea-e-afirma-que-non-e-toxico/
Por mentiras tan escandalosas coma estas nun país normal habería dimisións, non vos parece?
Se non dimiten deberíamos facelos dimitir.
…HAY QUE BOTALOS XA…!!! e fora do país… que vaian fumigar a Madrid…
http://www.aspapel.es/es/la-asociacion/empresas-asociadas