A partir dos mapas divulgados a semana pasada por ADEGA, vimos de realizar un gráfico onde se pode apreciar mellor o alcance das fumigacións aéreas planificadas por ASPAPEL coa colaboración da Xunta e outras entidades. Sobre os círculos de 8 Km de diámetro que aparecían nos mapas da empresa que planificou as fumigacións marcamos áreas difusas de dispersión para recoller graficamente os datos que publicacións como a do doutor Jorge Kaczewer da Universidade de Bos Aires (Uso de agroquímicos nas fumigacións periurbanas e o seu efecto nocivo sobre a saúde humana), que alertan de que ao empregarse medios aéreos os pesticidas poden esparexerse a quilómetros de distancia dos puntos de fumigación.
Este mapa non recolle a dispersión que se poida producir polos fluxos de auga superficial ou soterrada, nin pola mobilidade dos animais contaminados, que obviamente poderán levar o flufenoxurón a moita máis distancia: lembremos que é un pesticida moi bioacumulable, é dicir, que permanecerá nos tecidos dos animais durante longo tempo acumulándose ao longo da cadea trófica.
É preciso que todos/as os/as galegos/as reaccionemos diante desta barbaridade sen precedentes, sobre todo aqueles que viven nas aldeas e vilas directamente afectadas, porque non soamente están en perigo as abellas, os peixes, os paxaros insectívoros, os morcegos, e moitos outros animais das zonas afectadas senón que a nosa saúde e a viabilidade da nosa agricultura están en grave perigo. Non quedes parada/o e reacciona! Trasmite esta información a canta xente poidas, para que poidamos deter estes plans ecocidas! Grazas!