APDR responde ás declaracións de ENCE sobre as fumigacións

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) responde ás declaracións de ENCE publicadas no Diario de Pontevedra, o pasado 15 de maio, no que defendía as fumigacións:

Reproducimos nota de prensa ao completo, que tamén podes descargar aquí:

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) considera irresponsábeis e falsas ás declaracións vertidas por ENCE o derradeiro luns nas que defende as fumigacións aéreas masivas a nivel galego nas que segundo datos da empresa Fitoaragón S.L só na provincia de Pontevedra afectaría a 51 concellos.

Cando alude a legalidade do biocida “Cascade” esquece interesadamente que a Comisión Europea o derradeiro 9 de febreiro de 2012, tras varias disposicións anteriores nesa liña, prohibiu a comercialización do flufenoxurón, o principio activo deste biocida, a partir do 1 de agosto deste ano por ser TÓXICO, PERSISTENTE, BIOACUMULÁBEL E DE ELEVADO RISCO ACUÁTICO.

Cando ENCE din que empregará o biocida nos cultivos de eucalipto afectados polo goníptero oculta que as 69 zonas de eucaliptais galegos (de 8 km de diámetro cada unha) propostas por ASPAPEL supoñen unha FUMIGACIÓN MASIVA co tóxico Flufenoxurón cunha ampla CONTAMINACIÓN de lugares habitados, cursos fluviais e mesmo  espazos da Rede Natura 2000 que ademais de eliminar o goníptero tamén o fai con outros insectos, entre os que se encontra a abella, insecto  particularmente necesario para a polinización das plantas. Esta práctica  polo tanto, por riba de ser nociva en xeral para o medio ambiente, coa eliminación de abellas que produce vai en contra da propia produción agrícola local. Ademais, a fumigación por medios aéreos ten o problema engadido da deriva incontrolada da pulverización, polo que a propia Comisión Europea na súa directiva 2009/128/CE considera que a fumigación aérea debe en xeral prohibirse.

Cando ENCE manifesta que a fumigación con este biocida é “la única vía para atajar al gorgojo” dende a APDR defendemos que a biodiversidade e a saúde da poboación deben estar por enriba dos intereses da industria madeireira e do papel. A praga do goníptero introducida por ENCE nos montes galegos é a consecuencia lóxica do monocultivo do eucalipto promovido durante anos polos distintos gobernos da Xunta de Galicia. As solucións non poden pasar pola fumigación con biocidas prexudiciais co ecosistema, a saúde das persoas, os sectores produtivos como a apicultura e a agricultura e a destrución do emprego e da actividade económica local. As solucións pasarían máis ben por apoiar a loita biolóxica (a avespa parasitaria Anaphaes nitens, insecto clave na loita biolóxica contra o goníptero que tamén está en perigo por estas fumigacións) e por limitar os monocultivos que só serven ao interese da industria pasteira recuperando a biodiversidade dos nosos montes.

A APDR reafírmase na chamada que vén de facer aos concellos e ás comunidades de montes de Pontevedra e bisbarra aportándolles  documentación técnica, legal e a cartografía coas zonas afectadas (como a referente a Pontevedra, Poio, Marín, Vilaboa, Cotobade, Cerdedo).

Pontevedra, 16 de maio de 2012

Relación dos 51 concellos da provincia de Pontevedra afectados: Vila de Cruces, Lalín, Silleda, Estrada, Forcarei, Pontecesures, Valga, Cuntis, Caldas, Moraña, A Estrada, Catoira, Caldas de Reis, Vilagarcia, Portas, Campolameiro, Cerdedo, Meis, Rivadumia, Cambados,  Sansenxo, Meaño, Poio, Pontevedra, Marín, Vilaboa, Cotobade, Ponte Caldelas , A Lama, Moaña, Soutomaior, Pazos de Borbén, Fornelos de
Montes, Redondela, Mos, Mondariz, Ponteareas, O Covelo, O Porriño, Nigrán, Gordomar, Vigo, Tui, Salceda de Casellas, Salvaterra do Miño, Crecente, Arbo, A Cañiza, Oia, O Rosal, A Guarda.

APDR convoca tamén a MARCHA CONTRA CELULOSAS, que será o SÁBADO 2 DE XUÑO e sairá ás 19:30 horas das alamedas de Marín e Pontevedra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.