Crónica da mesa redonda-debate do martes 29 de maio

Desde a Mariña lucense fannos chegar a crónica do que foi mesa redonda-debate celebrada onte en Ribadeo.

Reproducimos ao completo a nota de prensa enviada pola asemblea 15m da Mariña lucense – Occidente asturiano:

O pasado martes 29 tivo lugar en Ribadeo unha mesa redonda-debate para informar sobre as fumigacións dos eucaliptais na comarca. Foi convocada pola Asamblea do 15M da Mariña lucense- Occidente asturiano e, como poñentes da mesma, participaron unha enxeñeira forestal, un veterinario e un técnico de medio ambiente. Así mesmo, asistiron persoas pertencenteas aos colectivos que forman parte de Plataforma Fumigacións Non na comarca da Mariña: Sindicato Labrego Galego, Amarante, 15M, abelleiros, labregas, etc.
Igualmente, acudiron como público unha persoa do equipo de goberno do Concello de Ribadeo e outra pertencente a Promariba.
Desde a Asemblea 15M invitárase a participar tamén á Consellería de Medio Rural pero ninguén se presentou pola parte deste organismo.
Durante a mesa redonda explicouse como a Consellería de Medio Rural e ASPAPEL están a promover as fumigacións aéreas de eucalipto con flufenoxurón, un produto cuxa comercialización estará prohibida desde o 1 de agosto de 2012 por tratarse de un produto persistente, bioacumulable e tóxico. En principio, a fumigación pretende eliminar o goniptero, praga até agora manexada a través dun control biolóxico con Anaphes nitens. Ao ser o flufenoxurón un pesticida de amplo espectro, non so eliminaría ao goniptero senón tamén a este depredador seu (ademais de a calquera outro insecto como as abellas, de vital importancia para a agricultura). Dado que o goniptero non poderá ser completamente eliminado polo flufenoxurón, cando rexorda, o seu parásito terá sido eliminado, de modo que o seu control será moito máis complicado. A realidade é que entre a necesaria reconsideración das plantacións de eucalipto como monocultivo e a fumigación con flufenoxurón existen unha variedade de opcións para esta praga, das cales a peor é a elexida por Aspapael e a Xunta. Polo produto escollido, polo método, tamén prohibido pola Unión Europea e porque desde algunhas asociacións parece que a recomendación recibida foi a de fumigar mesmo fincas onde non se teña autorizado se estas quedaran inmersas nun conxunto de outras nas que si están. O ideal sería continuar co manexo biolóxico, controlando moi ben as distintas parcelas, introducindo máis parásitos alí onde se estime necesario e, se fose preciso fumigar, facelo por medios terrestres e únicamente nas parcelas afectadas por unha concentracón de goniptero inmanexable por outros medios, e sempre con produtos que non teñan sido prohibidos pola sua toxicidade.
Despois da presentación abriuse un interesante debate entre todas as persoas asistentes ao mesmo, no que tivo especial protagonismo a búsqueda de ideas sobre como sensibilizar aos propietarios de montes e á poboación en xeral sobre os riscos para a saúde e o medio ambiente que van supor estas fumigacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.