Oleiros: mais concellos que se opoñen ás fumigacións

Alternativa dos veciños, partido que goberna o Concello de Oleiros, levou ao pleno unha moción en contra das fumigacións e en apoio ás demandas da Plataforma. A moción foi aprobada a pesar de ter os votos en contra do PP local.
A continuación reproducimos o texto da moción presentada no pleno:

A nosa sensibilidade coa conservación do medio natural, obríganos a denunciar coa forza da razón e o sentido común un atentado ecolóxico, non só contra o medio ambiente senón tamén contra a saúde dos seres humanos.

A Xunta de Galicia está a punto de autorizar a fumigación aérea dos montes galegos, cun produto chamado “CASCADE”, cuxo principal compoñente é a substancia denominada “flufenoxuron”, comercializado pola multinacional química BASF.

Este produto está totalmente prohibido na Unión Europea desde o ano pasado pola súa altísima TÓXICIDADE e PERSISTENCIA, pero hai unha moratoria que permite usar só o seu stock ata o 31 de decembro deste ano. A partir de aquí, como non, so poderá ser utilizado no “terceiro mundo”, acto que tamén aproveitamos para denunciar.

Antes de que se ilegalice totalmente o seu uso, na UE, todo este stock queren poñelo no mercado a prezo de saldo, e aí é onde entra o interese das multinacionais produtoras de pasta de papel que controlan os eucaliptais galegos, en concreto Aspapel (Asociación de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón), que son os promotores desta fumigación masiva do aire que respiramos. É dicir, novamente o interese do capital, quere impórse por riba da saúde das persoas e do medio natural.

En teoría a función deste produto é para combater a praga do gorgullo do eucalipto, pero como demostran varios estudos, nas fumigacións aéreas cerca do 60% do produto cae fóra da zona proxectada, é dicir, en cultivos, leitos fluviais, acuíferos, pradeiras, casas, animais e poboación, e que para o caso de Galicia isto agrávase debido a súa dispersión territorial.

Unha das primeiras consecuencias a curto prazo é o efecto nocivo sobre a poboación de abellas galegas, xa que estes pesticidas están detrás da súa progresiva desaparición, e en consecuencia do abandono do sector por parte duns 1.300 abelleiros nos derradeiros dez anos. Isto convértese nun grave problema a nivel mundial xa que as abellas cumpren unha función vital nos ecosistemas, como polinizadoras de moitas especies de plantas silvestres que participan no mantemento da biodiversidade, e de moitas outras plantas das que se alimenta o ser humano. Lembremos que o 76% da nosa alimentación depende da presenza das abellas nos nosos campos.

Esta fumigación masiva dos nosos montes matará tamén outros moitos insectos, incluída unha variedade de avespas que son precisamente, que eliminan o gorgullo do eucalipto, e supoñen a alternativa biolóxica de loita contra esta praga.

Temos que alertar tamén sobre todo do gran risco que corre a saúde da cidadanía. A propia ficha técnica do produto elaborada polo fabricante, lembra a súa alta toxicidade e o seu perigo en contacto coa pel e os ollos, así como a alta contaminación da auga e alimentos cos que entra en contacto, sobre todo nos cultivos, nos que caerá este orballo tóxico. Unha ficha técnica que alerta de que non se poña en contacto coas augas superficiais, nin sequera para limpar o envase, e recomenda unha ampla batería de medidas sanitarias en caso de contacto ou inhalación accidental.

Segundo demostraron prestixiosos estudios oncolóxicos da Universidade de París, en relación ós pesticidas e saúde humana: «Hoxe podemos dicir que existe unha relación entre pesticidas e cancro, parkinson entre xente nova, malformacións conxénitas do aparello reprodutor, infertilidade masculina e problemas nerviosos».

A pesares disto, incriblemente a Xunta de Galicia quere “fumigarnos” desde o aire con este produto, por iso amosamos o noso firme rexeitamento á autorización destas fumigacións criminais e esiximos que:

1.- A Xunta de Galicia non autorice as fumigacións con calquera das formas comerciais do “flufenoxuron” en ningún lugar do territorio galego.

2.- Solicitar a intervención da Consellería de Sanidade, ó se tratar dun problema de saúde pública, dado que debería de servir para algo máis que para recortar dereitos e prestacións á cidadanía.

3.- Que a Xunta de Galicia aposte, dunha vez por todas, por unha política agraria e forestal orientada cara modelos alternativos, máis sustentábeis e respectuosos co medio ambiente e coa saúde da cidadanía.

4.- Que se dea coñecemento da presente moción a:
a) Plataforma contra as fumigacións.
b) Parlamento Europeo.
c) Entidades veciñais de Oleiros.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.