A acción #LibresDeGlifosato consiste en presentar mocións nos concellos para paralizar o uso de herbicidas con glifosato en todo tipo de lugares públicos.
É unha campaña lanzada dende a paraugas fumigacionsNON.org
Que é o glifosato?
O glifosato é un composto que aparece en moitas marcas comerciais de herbicidas que se están a usar de forma bastante común en lugares públicos para realizar tarefas de mantemento, limpeza de malas herbas e prevención de incendios.
Detectouse glifosato no aire, a chuvia e mesmo nos nosos corpos. É moi soluble en auga e persistente no chan. Contamina os acuíferos, é tóxico para a fauna acuática, os animais domésticos ou o gando, e esparéxese sen control polo subsolo.
Existen estudos científicos que relacionan o uso do glifosato con afeccións e enfermidades. Entre os efectos adversos deste principio activo describíronse toxicidade subaguda e crónica, danos xenéticos, trastornos reprodutivos, aumento da frecuencia de anomalías espermáticas, e carcinogénesis.
Ademais, cada preparado de herbicida que contén glifosato vén acompañado doutras substancias que facilitan a súa absorción e que multiplican a súa toxicidade. Entre estes ingredientes están o N-nitroso glifosato que, como outros compostos nitroxenados, é canceríxeno, e o formaldehido, outro carcinóxeno coñecido que se forma durante a descomposición do glifosato.
Recentemente a International Agency for Research on Cancer pertencente á Organización Mundial da Saúde incluíu como probables carcinóxeno a unha serie de pesticidas organofosfatados, entre eles o glifosato: http://monographs.iarc.fr/ENG/Classification/
Países veciños como Francia estudan prohibir a súa venda a particulares.
Este herbicida non selectivo de amplio espectro deixouse de usar en moitos municipios do estado español.
En Galicia, Concellos como Ames, na Coruña, ou Ponteareas, declaráronse Libres de herbicidas químicos; e outros como Marín, Poio, ou Arzua xa aprobaron esta moción.
Cidades como Madrid, Barcelona, Badalona, Sevilla, Logroño ou Zaragoza aprobaron recentemente deixar de usar glifosato.
No MAPA #LibresDeGlifosato pódense ver todos os Concellos onde se presentaron e aprobaron mocións.
Ti tamén podes pedir ao teu concello que deixe de usar glifosato en espazos públicos.

libresdeglifosato@gmail.com
#LibresDeGlifosato.