A campaña de presentación de mocións contra as fumigacións segue dando os seus froitos. Comunicáronnos 4 novas mocións presentadas e aprobadas nos concellos de Ares, Redondela, Mondoñedo e Marín.
Arquivos da etiqueta: acción
Tui rexeita as fumigacións
O Concello de Tui aprobou a moción presentada contra as fumigacións por un colaborador da Plataforma a partir da campaña promovida pola web.
Na web do faro de Vigo pódese ler o seguinte:
O Concello de Tui rexeitou a fumigación con praguicidas nos montes de eucaliptos, ao afectar as abellas e ao proceso de polinización, que é vital para o medio ambiente, a agricultura e os sistemas acuáticos.
O pleno da corporación de Tui aprobou por unanimidade de todos os grupos políticos a proposta dun veciño neste sentido, e baseada en que a polinización gratuíta que se ofrece ás comunidades de montes está a realizarse cun produto tóxico, catalogado así na normativa europea.
Se queres ler a nova completa visita a páxina do xornal.
[ACTUALIZACIÓN 03/10/2012] Ofrecemos tamén os documentos da moción aprobada: Declaración institucional do Concello de Tui de rexeitamento á fumigación aérea con Cascade por parte de ASPAPEL, coa avaliación da Xunta, para control do goníptero do eucalipto: páx. 1 (2,1 MB) e páx. 2.
Comeza a entrega de mocións contras as fumigacións
Chegou a hora da acción!. Ao longo desta semanas todos os nosos colaboradores e colaboradoras entregarán nos seus concellos as mocións propostas pola Plataforma dentro da campaña [Acción-Moción], instando aos gobernos municipais a que se posicionen en contra das fumigacións e promovan unha xestión forestal sostible.
Nesta páxina podes consultar un mapa co estado actual da acción e ver en que concellos xa se teñen presentado as mocións.
cargando mapa - por favor, espere...
Anímate e colabora!, aínda estás a tempo de colaborar e presentar a moción no teu concello e arredores. Tes toda a información e os modelos dos documentos aquí.
Fai que o teu concello se mova contra as fumigacións
Desde a Plataforma contras as fumigacións queremos informar a todos os concellos e queremos tamén que se posicionen en defensa dos seus veciños e veciñas, prantándolle cara á patronal do papel e á Xunta de Galicia.
Queremos extender a todos os concellos galegos unha proposta que xa tivo éxito nalgúns concellos coma Ribadeo, Oleiros, Narón ou Vilaboa, que se posicionan contra as fumigacións, na defensa da seguridade da súa comunidade, do seu medio e por unha política forestal máis respectuosa e sustentable.
A nosa acción require da vosa colaboración para entregar en todos os concellos, de xeito coordinado, unha moción para que sexa debatida no próximo pleno do voso concello, en contra das fumigacións con Cascade.
Trátase de entregar dous documentos, que poñemos á vosa disposición, no rexistro do voso concello, á atención da alcaldía do mesmo, e procurar facer un seguimento do que se discuta no pleno.
Resultados das mocións presentadas
cargando mapa - por favor, espere...
Os documentos
A Moción: Este documento contén unha exposición da problemática das fumigacións con flufenoxurón e unha explicacións dos motivos polos que nos posicionamos en contra dos mesmos. Finalmente insta ao concello a facer unha declaración institucional onde adopta os seguintes acordos:
- Non permitir as fumigacións aéreas con Cascade no seu término municipal
- Instar á Xunta a que non autorice as fumigacións
- Fomentar unha xestión forestal sostible
Os diferentes grupos políticos deben ser informados desta moción e por iniciativa dalgún deles podería ser discutida no pleno. Por isto é importante que, se podedes contactar con representantes dalgún partido político con representación no pleno lles informedes desta campaña, solicitando o seu apoio á moción.
Manual: como entregar a moción no teu concello
- Descarga os modelos de instancia e moción
- Cubre os datos da instancia e da moción cos teus datos e cos do teu concello e imprime os documentos
- Diríxete ao teu concello e fai entrega, no rexistro, dos dous documentos: instancia + moción
- Consulta e toma nota da data de celebración do próximo pleno
- Pregunta como podes informarte do resultado do próximo pleno
- Contacta cos grupos políticos e busca o compromiso dalgún deles para propoñer e apoiar a moción
- Informa a través da web da Plataforma da entrega da documentación (podes facelo con un comentario nesta entrada)
Planificación da acción
Até o día 20 de xullo buscaranse voluntarios e voluntarias que queiran colaborar entregando mocións nos seus concellos ou nos das súas proximidades. Na seguinte semana, a partir do día 23, realizarase a entrega das mocións.