Acompañados por un tempo despexado —que polo que comentan non é habitual na Festa do Queixo en Arzúa— celebramos no local da Asociación Galega de Apicultores no Centro do Queixo e do Mel, unha xornada festiva para celebrarmos a vitoria das abellas (e de todo o resto de seres que vivimos grazas ao seu incansable labor de polinización) fronte aos demenciais plans de fumigar centos de milleiros de hectares co praguicida tóxido flufenoxurón (nome comercial: Cascade).
As actividades comezaron ás 10 da mañá con obradoiros onde os nenos e nenas asistentes puideron fabricar as súas propias candeas con cera de abella ao tempo que se ofrecían degustacións de mel e queixo, e se puideron visitar as instalacións. A mañá tivo un colofón emotivo e vibrante coa música de Mini e Mero, as palabras reivindicativas da incansable loita a prol das abellas de Xesús Asorei, e as voces de Séchu Sende e Luz Fandiño que recitaron pasaxes das súas obras relacionados coas abellas e a loita social.
Durante o acto e nos momentos previos tamén se puideron ler nun ordenador ubicado no local e en páxinas impresas, numerosas mensaxes de apoio e saúdo tanto das recibidas nos momentos álxidos da loita social para determos as fumigacións con flufenoxurón, como referidas á propia festa que se celebraba. Así puideron estar connosco moitas persoas que por razóns de distancia non puideron acompañarnos fisicamente.
Momentos antes nunha xuntanza aberta da Plataforma contra as fumigacións, avanzouse de maneira importante na consolidación desta rede de colectivos galegos, que agora pasará a denominarse Por un futuro sen praguicidas (pois pesticidas é un anglicismo incorrecto xa que pest debe traducirse por praga en galego) e que terá a partir de agora responsables para diveras áreas de funcionamento e actuación. Nela falamos da loita mantida ata o de agora contra o praguicida que ameazaba de maneira masiva e inminente un punto crítico dos nosos ecosistemas, como son as abellas, e tamén da loita aínda en marcha por defender estes animais —os máis importantes do planeta— así como a sostibilidade da nosa agricultura en xeral, das ameazas tóxicas aínda presentes ao noso redor.
Agradecemos desde a Plataforma a asistencia ao público que desde diversos puntos de Galiza se desprazou ata Arzúa para desfrutar deste acto e ás organizacións participantes nesta xuntanza que marca o comezo dunha nova etapa na loita contra os biocidas no noso país.
En breve procederemos a reflectir as mudanzas desta nova etapa no noso web.
A continuación ofrecemos algunhas fotos do acto, tomadas polos membros da AGA:
[ACTUALIZACIÓN 07/03/2013] Engadimos máis fotos, esta vez tomadas pola xente da Casa do Mel, de As Pontes: