Festa e reivindicación no Día da Abella en Arzúa

Acompañados por un tempo despexado —que polo que comentan non é habitual na Festa do Queixo en Arzúa— celebramos no local da Asociación Galega de Apicultores no Centro do Queixo e do Mel, unha xornada festiva para celebrarmos a vitoria das abellas (e de todo o resto de seres que vivimos grazas ao seu incansable labor de polinización) fronte aos demenciais plans de fumigar centos de milleiros de hectares co praguicida tóxido flufenoxurón (nome comercial: Cascade).

As actividades comezaron ás 10 da mañá con obradoiros onde os nenos e nenas asistentes puideron fabricar as súas propias candeas con cera de abella ao tempo que se ofrecían degustacións de mel e queixo, e se puideron visitar as instalacións. A mañá tivo un colofón emotivo e vibrante coa música de Mini e Mero, as palabras reivindicativas da incansable loita a prol das abellas de Xesús Asorei, e as voces de Séchu Sende e Luz Fandiño que recitaron pasaxes das súas obras relacionados coas abellas e a loita social.

Durante o acto e nos momentos previos tamén se puideron ler nun ordenador ubicado no local e en páxinas impresas, numerosas mensaxes de apoio e saúdo tanto das recibidas nos momentos álxidos da loita social para determos as fumigacións con flufenoxurón, como referidas á propia festa que se celebraba. Así puideron estar connosco moitas persoas que por razóns de distancia non puideron acompañarnos fisicamente.

Momentos antes nunha xuntanza aberta da Plataforma contra as fumigacións, avanzouse de maneira importante na consolidación desta rede de colectivos galegos, que agora pasará a denominarse Por un futuro sen praguicidas (pois pesticidas é un anglicismo incorrecto xa que pest debe traducirse por praga en galego) e que terá a partir de agora responsables para diveras áreas de funcionamento e actuación. Nela falamos da loita mantida ata o de agora contra o praguicida que ameazaba de maneira masiva e inminente un punto crítico dos nosos ecosistemas, como son as abellas, e tamén da loita aínda en marcha por defender estes animais —os máis importantes do planeta— así como a sostibilidade da nosa agricultura en xeral, das ameazas tóxicas aínda presentes ao noso redor.

Agradecemos desde a Plataforma a asistencia ao público que desde diversos puntos de Galiza se desprazou ata Arzúa para desfrutar deste acto e ás organizacións participantes nesta xuntanza que marca o comezo dunha nova etapa na loita contra os biocidas no noso país.

En breve procederemos a reflectir as mudanzas desta nova etapa no noso web.

A continuación ofrecemos algunhas fotos do acto, tomadas polos membros da AGA:

Mini e Mero

Luz Fandiño con Mini e Mero

Público asistente ao Día da Abella

Luz Fandiño con Mini e Mero

[ACTUALIZACIÓN 07/03/2013] Engadimos máis fotos, esta vez tomadas pola xente da Casa do Mel, de As Pontes:

Día da Abella (Arzúa, 3 de marzo de 2013)

Xesús Asorey nos actos do Día da Abella (3 de marzo de 2013)

Público asistente aos actos do Día da Abella (3 de marzo de 2013)

Mini e Mero nos actos do Día da Abella (Arzúa, 3 de marzo de 2013)

Mini e Mero nos actos do Día da Abella (Arzúa, 3 de marzo de 2013)

Séchu Sende nos actos do Día da Abella (Arzúa, 3 de marzo de 2013)

#DiaDaAbella: O 3 de marzo celebraremos en Arzúa a vitoria das abellas sobre o praguicida «Cascade»

A Plataforma contra as fumigacións e por un futuro sen praguicidas ten o pracer de convidarvos a unha xornada festivo-reivindicativa cadrando coa Festa do Queixo do día 3 de marzo en Arzúa.

Celebraremos que as abellas galegas se libraron do praguicida tóxico Cascade (flufenoxurón) grazas ao apoio de cen mil persoas concienciadas e o labor da nosa Plataforma. Pero como aínda quedan outros velenos que ameazan as as abellas e os nosos ecosistemas, temos que continuar a loita na súa defensa… na nosa defensa! E este acto servirá tamén para consolidar a Plataforma, coñecer a moitas das persoas que apoiastes a loita contra o flufenoxurón a través de Internet e analizar as outras loitas aínda precisas.

O Día da Abella #DiaDaAbella

Lugar:

Centro do Queixo e do mel. Feira Nova (Arzúa). [Ver ónde está no OpenStreet Map]

Onde está o Centro do Queixo e do Mel, en Arzúa

Programa de actividades

A partir das 10:00 h:

  • Degustacións.
    Durante a xornada, haberá degustacións comentadas dos diferentes meles de Galicia, acompañados polo queixo de Arzúa.
  • Obradoiro de candeas para nenos e nenas.
    Teremos obradoiros de candeas de cera de abella nos que cada participante fará a súa propia candea e levará como recordo da visita ó Centro do Queixo e do Mel.

12:30-13:30 h: Voces polas abellas

Durante a xornada —que será aberta ao público— a nosa Plataforma tamén celebrará unha xuntanza de traballo (ás 11 h).

Agradecemos a difusión que deste acto poidades realizar tanto nas redes sociais de Internet como imprimindo e colocando o cartaz nos locais aos que teñades acceso.

Esperámosvos!

Cartaces para difusión

Cartaz A3

Día da Abella (#DiaDaAbella) 3 de marzo

Cartaz A4

Día da Abella (#DiaDaAbella) 3 de marzo

Cartaz para webs

Día da Abella (#DiaDaAbella) 3 de marzo