Todo pola pasta (de papel)!

(Versión extendida dun artigo de Casdeiro publicado na sección Altermundo do número de setembro da revista Tempos Novos. Ao artigo, escrito no 15/08/2012 engadíronselle ligazóns nesta versión online para quen quixer ampliar información, e máis algunhas notas ao pé.)

A industria papeleira española segue adiante cos seus plans de fumigar masivamente Galiza cun pesticida declarado tóxico pola UE.

Para salvar os eucaliptos, sacrificar as abellas; e con elas non só o medio de vida de milleiros de apicultores senón un elemento chave dos nosos ecosistemas que permite a polinización de numerosas plantas incluídas moitas das que nos alimentamos. Ese é o plan que xorde a comezos deste ano no seo de ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón), entidade presidida por ENCE, e que comeza a poñerse en marcha en primavera coa colaboración da Xunta de Galicia, asociacións forestais galegas, determinados concellos gobernados polo PP e técnicos do centro de investigación de Areeiro. O monocultivo do eucalipto en Galiza áchase afectado por unha praga (algo ao que son sumamente proclives os monocultivos) dun insecto chamado Gonipterus scutellatus, comunmente coñecido como gorgullo do eucalipto. Malia existiren outras vías menos daniñas para o combater, como a loita biolóxica, a industria papeleira opta por empregar un insecticida da casa BASF chamado comercialmente Cascade, e cuxo principio activo é o flufenoxurón. O abriante do caso é que, contravindo a normativa europea, elíxese facer por medio de fumigacións aéreas (que esparexen o produto mesmo fóra das zonas afectadas) e sobre todo que o feito de que a propia UE decideu proibir a súa fabricación, comercialización e uso por ser demasiado daniño para o medio ambiente. Porén, alguén debeu pensar que había que colocar os stocks do Cascade antes de que entrase en vigor a proibición e todo apunta a que elexiron Galiza como o país que ía apandar.

Sigue lendo

Crónica da acción informativa en Monfero o día 4 de maio

O pasado venres día 4 de maio a asociación “Fomento Forestal“, con sede en Monfero, coma todos os primeiros venres de mes, celebrou a súa reunión mensual, no local da Cámara Agraria, en Rebordelo, arredor das 20.30h.

Membros da Plataforma contra as fumigacións asistimos á reunión co fin de informar a propietarios e propietarias, así como a veciños e veciñas do concello de Monfero e arredores.

A directiva da asociación cedeunos quince ou vinte minutos para expoñer a nosa preocupación ante as fumigacións aéreas previstas sobre grande parte dos eucaliptais galegos. Falouse das fumigacións aéreas, do flufenoxurón e da súa prohibición, das consecuencias para as abellas e outros insectos, da contaminación das augas, do inxusto de deitar insecticida sobre toda a poboación sen o seu consentimento e tamén do ineficaz que sería o tratatamento para solucionar o problema do gorgullo.

As persoas que asistían á reunión escoitaron con atención e interese e houbo intervencións que se mostraron dacordo co discurso da Plataforma, mais tamén algunhas por parte da directiva que dicían descoñecer o asunto e que as fumigacións aéreas neste territorio non eran prácticas debido ao pequeno tamaño das parcelas. Despois de repartir algúns folletos informativos abandonamos a sala mais, segundo nos informaron, despois da reunión a directiva sacou o tema de novo sen a nosa presencia para manifestarse de xeito favorable sobre o uso do flufenoxurón.

A valoración da acción informativa desde a Plataforma foi positiva e animamos a outras persoas a que acudan ás reunións das asociacións forestais a informar aos veciños e veciñas. Se precisades axuda non dubidades en contactar coa plataforma.