Máis de 4.000 persoas “recomendan” á Xunta na súa páxina de Facebook que deteñan as fumigacións

Malia teren borrado centos de mensaxes ata o momento e continuaren exercendo a censura das voces que desde o inicio desta ciberacción enchen as novas publicadas na Xunta no seu Facebook co berro de Fumigacións NON!, na sección de Recomendacións seguen a se lles acumularen. Hoxe a mediodía superáronse as 4.000 mensaxes nesta sección da páxina da Xunta de Galicia en Facebook, tal e como amosamos nesta captura.

As noticias que seguen a publicar nesta páxina os seus administradores continúan a encherse con comentarios, que unha vez pasados os momentos álxidos da ciberacción nos que chegaban de diversos países son agora procedentes principalmente de Galiza, o cal nótase especialmente na retranca ou raiba coa que son escritos.

Eles seguirán a borrar e nós a protestar (e a capturar as expresións de rexeitamento social a este demencial plan de fumigacións aéreas).

Captura desta tarde da páxina de Facebook da Xunta de Galicia

Tamén vos ofrecemos unha captura en formato HTML grazas a outro amable usuario que se ocupou de tomar a instantánea durante o día de hoxe.

Abrumada pola presión dos internautas, a Xunta de Galicia retira de Facebook a súa propia comunicación sobre as fumigacións

Repasemos os feitos:

Capa promovendo a ciberacción sobre a páxina da Xunta en FacebookTarde do pasado venres 4 de maio: Unha ciberacción posta en marcha coa colaboración de Actuable, dispara unha avalancha de protestas na páxina oficial da Xunta en Facebook, ademais de botar a Twitter milleiros de mensaxes coas etiquetas #fumigacionsNON e #queremosAbellas.

Tarde do sábado 5 de maio: Os administradores da devandita páxina da Xunta en Facebook comezan borrar mensaxes deixadas polos usuarios como comentarios ao pé de todas as últimas novas presentes na páxina, ademais de na sección Recomendaciones.

A nota publicada o domingo a toda présa pola Xunta en Facebook, e que máis tarde retiraríanDomingo 6 de maio: A ciberacción continúa e por cada mensaxe que censuran os administradores, os usuarios que apoian a protesta contra as fumigacións deixan unha morea máis. Finalmente vense obrigados desde a Xunta, precipitadamente, a publicar unha nota tentando torpemente desmentir a toxicidade ou perigosidade das fumigacións, e que se limita a reproducir resumidamente as declaracións do Secretario Xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, no Parlamento de Galicia o xoves día 3.

Luns 7 de maio: Os apoios recollidos por medio de Actuable chegan contra ás 12 da noite, a cifras de 80.000 sinaturas (e outras tantas mensaxes aos responsables de ASPAPEL e da Xunta). Os administradores da páxina da Xunta en Facebook, seguramente abrumados diante dos centos de mensaxes que se acumularan protestando pola súa nota e teimando en contra das fumigacións, deciden eliminar a nota con todas as mensaxes de protesta.

Nós queremos reproducir ao final deste texto esa patética nota xunto cos centos de mensaxes que puidemos capturar unhas horas antes de que a Xunta ordeara silencialos de vez (AVISO: A imaxe ocupa máis de 3 MBytes, así que a páxina pode tardar en cargarche).

Coidamos que a presión social na Rede está a superar a capacidade da Xunta de responder a ela, debido aos falsos argumentos con que tenta xustificar a súa colaboración e autorización ás fumigacións aéreas de pesticida tóxico planificadas polas papeleiras. Isto fainos confiar en que a masiva resposta cidadá obrigará a rectificar á administración do PP, que sen argumentos e coa lei e a ciencia en contra, e posto en escandalosa evidencia pola documentación revelada por ADEGA, non terá máis remedio que cancelar as previstas fumigacións e apostar por outros métodos moito menos agresivos co medio, coa fauna e coa saúde da poboación do país.

As fumigacións previstas son un escándalo imposible de xustificar, e a maneira como está tentando reaccionar a Xunta á contestacion social, é un escándalo máis que se produce diante dos ollos de toda Galiza e de toda España para vergonza dos que nos desgobernan.

Só lle queda unha saída á Xunta de Galicia: recuperar a sensatez e cancelar inmediatamente as fumigacións para cumpriren así as Directivas europeas e para protexeren a saúde da poboación, a fauna e a flora do país, e os sectores da apicultura e da agricultura galegas.

Captura das mensaxes de protesta ao pé da nota emitida de urxencia pola Xunta sobre as fumigacións

A Xunta tenta silenciar o clamor popular de protesta polas fumigacións borrando centos de mensaxes recibidas na súa páxina de Facebook

Como resultado da nova ciberacción de protesta posta en marcha coa colaboración de Actuable, o muro de Facebook oficial da Xunta de Galicia comezou encherse onte pola tarde de mensaxes de protesta chegados desde Galiza, España, e outros países incluídos moitos da nosa diáspora.

Portada que difunde a ciberacción en Facebook

Esta tarde, case 24 h despois, os administradores desta páxina comezaron eliminar algunhas destas mensaxes que estas persoas en solidariedade coas demandas desta Plataforma deixaban ao pé das diversas noticias oficiais da páxina. Así e todo outras moitas permanecen aínda na sección Recomendaciones (3.051 á hora que publicamos esta nota), e seguen a aparecer novas mensaxes ao pé das noticias de onde borraran previamente outras mensaxes.

Este acto de censura demostra ser inútil ante a avalancha de xente que protesta indignada pola autorización da Xunta ás fumigacións previstas en case 350.000 ha da nosa terra, tal e como sabemos agora grazas aos mapas filtrados da empresa Fitoaragón, e polas mentiras descaradas do único responsable do goberno galego que deu a cara ata o de agora.

É inútil porque moitas desas mensaxes quedaron rexistradas nunha captura que fixo un usuario á 1 da madrugada do sábado 5 de maio. Loxicamente faltan moitas que foron deixando outros usuarios do Facebook no trascurso do sábado, pero é unha mostra suficiente da indignación popular ante estes asasinos plans.

Namentras, a protesta continúa tamén en Twitter cos lemas #fumigacionsNON + #queremosAbellas.