#FumigaciónsNON 10Xuño: Manifestación en Compostela

Únete ao enxamio que percorrerá Compostela este domingo 10 de xuño contra as fumigacións!

A Plataforma contra as fumigacións vai defender un país sen pesticidas este domingo nas rúas de Compostela. As voces de abelleiros, labregos, ecoloxistas, e máis de 40 organizacións sociais de todo o país van crear un zunido imposible de calar! Agora non poderán borrar as nosas voces como fixeron con centos de protestas na súa páxina de Facebook. A Xunta de Galicia terá que escoitar o clamor en contra dunhas fumigacións que van contra o sentido común, contra as leis e o que é máis importante, contra o futuro da agricultura, dos ecosistemas e da saúde de milleiros de galegas e galegos que viven nas decenas de puntos que xa están marcados no mapa militar desta guerra contra a nosa soberanía alimentar e para maior gloria da auténtica praga: o eucalipto!

En Internet xa somos case 100.000 persoas a dicirlle NON ás fumigacións e SI á vida das abellas, vítimas na primeira liña deste ataque frontal contra a supervivencia da natureza da que nos alimentamos e da que somos parte intergrante. Agora xuntaremos milleiros de voces tamén nas rúas da capital de Galiza para deixarlles claro aos que poñen o diñeiro e asinan as autorizacións, que non imos permitilo e que coa comida e a auga que consumimos nós e os nosos fillos non se xoga. Co noso monte non se xoga! Nin unha pinga dese veleno na nosa auga, na nosa terra!

Axúdanos a espallar a convocatoria. Pega os cartaces da mani na túa cidade ou vila, fala do problema cos teus amigos, familiares, compañeiros de traballo, veciños…

Xa o dicían os nosos vellos: se morren as abellas, morremos nós!

Calquera día poden aparecer os helicópteros sobrevoando a túa vila, a túa aldea, os nosos montes… Agora é o momento de pararlles os pes! O domingo día 10 de xuño en Compostela!

Comparte este vídeo (realizado pola xente de Gz Vídeos) cos teus contactos e paremos o Apocalypse Flufenoxurón!

Ver o vídeo tamén en Youtube (ollo: o de Youtube non se pode inserir. Se o queres reproducir no teu web, utiliza o código de Blip.tv)

O Goberno proíbe a nosa manifestación en Melide pero nós… iremos á festa!

Aínda que non é habitual que se denegue o permiso para exercer o dereito a manifestarse, nesta ocasión a Delegación do Goberno, seguramente preocupada pola incidencia dun acto molesto para os plans da Xunta e das empresas responsables das fumigacións, decidiu aplicar o prazo mínimo de solicitude, entendendo que non hai motivos que xustifiquen a urxencia da convocatoria.

Se cadra se fosen fumigar con carácter inmediato a casa do delegado do Goberno, aplicaría un criterio diferente, pero isto é o que temos.

Xa que logo, a Plataforma decidiu renunciar a realizar unha manifestación pero mantemos a cita prevista con todos na Foliada de Melide, para realizar información cara a cara e participar como outros cidadáns máis na festa melidense. Informemos en animada e festiva conversa aos nosos paisanos en Melide! Festa con conciencia! Festa activa!

(Lembrade mercar un tarriño de mel nos postos de venda de Melide… seica se lles acaba!) 😉