Representantes das organizacións que integran a Plataforma contra as Fumigacións acudiron hoxe, 24 de abril, aos xulgados de Compostela para denunciar ante a fiscalía de medio ambiente as fumigacións aéreas na Galiza cun pesticida altamente tóxico (Flufenoxuron), que se pretende utilizar contra a praga do gorgullo do eucalipto e que será prohibido en toda a Unión Europea a partir do 1 de agosto de 2012.
Tal e como se recolle no escrito de denuncia presentado, en Galicia poden estar afectados polo gorgullo en torno á 100.000 hectáreas de eucaliptais (1⁄4 parte da existente). Isto implicaría utilizar unha disolución, como mínimo, duns 50.000 litros de Flufenoxuron e auga. A alta toxicidade do Flufenoxuron “fai conveniente a paralización da actividade que se denuncia, polo risco e afección que comporta, tendo presentes os principios de prevención e precaución que deben guiar as actuacións en materia medioambiental”.
O Flufenoxuron é un insecticida en moratoria na Unión Europea polos efectos nocivos que ten sobre a saúde e o medio ambiente (Directiva 91 / 414 / CEE e RD 255 / 2003). Ademais, a decisión da Comisión Europea do 9 de febreiro de 2012, publicada no Diario Oficial da UE, ordena que os produtos que conteñan flufenoxuron “deixarán de comercializarse a partir do 1 de agosto de 2012”. Segundo di, textualmente, esta decisión, o flufenoxuron é un “biocida” que é “persistente, bioacumulable e tóxico” e demostrou “efectos inadmisibles para o comportamento acuático”.
Ademais, as fumigacións de químicos tóxicos dende helicópteros e avionetas non só afectarán aos insectos tratados, senón que contaminarán o solo, os acuíferos e as fincas veciñas; amais de envelenar ás especies vexetais e animais que estean na contorna, e mesmo ás persoas que vivan nos núcleos habitados das inmediacións. Estudios como “Uso de agroquímicos nas fumigacións periurbanas e o seu efecto nocivo sobre a saúde humana“, realizado polo doutor Jorge Kaczewer da Universidade de Bos Aires, afirman que até o 60% dos agrotóxicos dispersados por medios aéreos adoitan caer fóra do seu obxectivo e a expandirse a quilómetros de distancia del.
Unha das especies animais máis afectadas por este envelenamento serán as abellas que, como xa teñen demostrado varios estudios científicos, están a morrer e desaparecer por millóns en todo o mundo debido ao uso de pesticidas en agricultura. Máis alá do seu papel como produtoras de mel e outros derivados da colmea, as abellas xogan un papel fundamental na polinización das plantas con flores, entre as que se inclúen moitos dos principais cultivos de froitas e hortalizas. Por iso, a súa intoxicación por pesticidas e posterior morte está a ter consecuencias moi negativas tamén na economía agraria.
Por todo o devandito, a Plataforma contra as Fumigacións iniciará unha campaña para informar á cidadanía do atentado contra o medio ambiente que van perpetrar algunhas madeireiras coa complicidade da Consellaría de Medio Rural e de concellos como o de Melide. Precisamente, neste municipio coruñés a Plataforma contra as Fumigacións realizará unha marcha de denuncia o vindeiro domingo, 29 de abril, para tentar que a cidadanía melidense reaccione contra o seu inminente envelenamento e o do entorno.
Descarga a nota de prensa en PDF: A Plataforma contra as Fumigacións denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente os tratamentos aéreos con Flufenoxuron
Descarga un extracto da denuncia presentada diante da fiscalía para deter as fumigacións