Paremos as fumigacións co herbicida glifosato en Galiza

Desde a Plataforma contra as fumigacións e por un futuro sen praguicidas queremos apoiar e contribuír a espallar a campaña dunha das organizacións que forman parte da nosa plataforma, ADEGA, contra as fumigacións que con glifosato se están a realizar este verán por rúas, estradas e cunetas de todo o país. Infórmate, colabora e denuncia!

perigoglifosatoEn ADEGA, preocúpanos a intensidade con que este ano teñen fumigado con herbicidas ducias de estradas para rozar o mato. Estas fumigacións realízanse frecuentemente con glifosato, un potente herbicida tóxico para o ambiente e para a saúde das persoas.

A razón de rozar con métodos químicos é unicamente económica: Cuns litros de glifosato e un único operario “rózanse” ducias de quilómetros ao día. Afórrase deste xeito, contratar a unha brigada para facer o rozado mediante métodos mecánicos, a cambio de deitar no medio milleiros de litros de veleno. Acontece ademais que o rozado químico, alén de supoñer un perigo para o ambiente e a saúde, non elimina o risco de lumes: Ao contrario, a presenza do mato seco a carón das estradas é un factor de risco engadido. Nalgúns casos chégase até o absurdo de fumigar primeiro e rozar mecanivamente despois: Por que non facelo só con métodos mecánicos?

Para visualizar a dimensión deste grave problema propoñémosvos que colaboredes con ADEGA. Para iso, só tendes que acudir a unha destas vías fumigadas, facer unha foto co cartaz que vos achegamos e enviala a ADEGA. Que como recoñecer as zonas nas que se aplicou o herbicida? Pois abonda con fixarse nas bermas das estradas e ver se a vexetación fica semorecida ou seca, mentres que noutras zonas está aínda verde. Non é difícil: estradas do Estado, a Xunta, Deputacións e concellos teñen sido fumigadas a eito, polo que non teredes problema en atopalas. Con todos os cromos recibidos, elaboraremos un álbum público e un dossier, que xunto a nota de prensa e un escrito de denuncia remitiremos en nome de ADEGA aos medios, ás administracións competentes e á Fiscalía Ambiental.

Pedímosvos a vosa colaboración para localizar e identificar aquelas zonas fumigadas, especialmente as que supoñen un risco inmediato de contaminación para a saúde e o ambiente: Preto de cursos de auga, leiras de cultivo, pastos, zonas habitadas… Só tedes que facer unha foto da zona co cartaz impreso e colocado sobre un pau ou calquera outro soporte.

PAREMOS O ENVELENAMENTO DO NOSO MEDIO!

DEFENDAMOS A NOSA SAÚDE!

A Muralla de Lugo: fumigando o noso patrimonio

Desde Lugo chéganos a nova dunha campaña que se está a levar a cabo en contra de fumigacións con RoundUP (glifosato) nas murallas de Lugo. Animámosvos a que asinedes a súa petición, na plataforma Change.org, para enviar un correo á Dirección Xeral de Patrimonio, solicitando o cese inmediato das fumigacións.

Algúns dos motivos que apuntan os responsables da iniciativa contra a utilización do herbicida nas murallas son:

  • É un herbicida etiquetado como “perigoso para o medio”
  • Este agrotóxico xerenra riscos para a saúde humana
  • A aplicación no centro da cidade expón ao produto a milleiros de persoas
  • A muralla é un hábitat que sirve de refuxio a diferentes especies

Asina a petición contra as fumigación na Muralla!