Mapas das fumigacións aéreas previstas en Galiza co pesticida catalogado como tóxico pola Unión Europea

A partir dos mapas divulgados a semana pasada por ADEGA, vimos de realizar un gráfico onde se pode apreciar mellor o alcance das fumigacións aéreas planificadas por ASPAPEL coa colaboración da Xunta e outras entidades. Sobre os círculos de 8 Km de diámetro que aparecían nos mapas da empresa que planificou as fumigacións marcamos áreas difusas de dispersión para recoller graficamente os datos que publicacións como a do doutor Jorge Kaczewer da Universidade de Bos Aires (Uso de agroquímicos nas fumigacións periurbanas e o seu efecto nocivo sobre a saúde humana), que alertan de que ao empregarse medios aéreos os pesticidas poden esparexerse a quilómetros de distancia dos puntos de fumigación.

Este mapa non recolle a dispersión que se poida producir polos fluxos de auga superficial ou soterrada, nin pola mobilidade dos animais contaminados, que obviamente poderán levar o flufenoxurón a moita máis distancia: lembremos que é un pesticida moi bioacumulable, é dicir, que permanecerá nos tecidos dos animais durante longo tempo acumulándose ao longo da cadea trófica.

É preciso que todos/as os/as galegos/as reaccionemos diante desta barbaridade sen precedentes, sobre todo aqueles que viven nas aldeas e vilas directamente afectadas, porque non soamente están en perigo as abellas, os peixes, os paxaros insectívoros, os morcegos, e moitos outros animais das zonas afectadas senón que a nosa saúde e a viabilidade da nosa agricultura están en grave perigo. Non quedes parada/o e reacciona! Trasmite esta información a canta xente poidas, para que poidamos deter estes plans ecocidas! Grazas!

Mapa das fumigación con flufenoxurón (Cascade) que teñen previsto realizar en media Galicia

ADEGA revela os mapas das fumigacións previstas: ASPAPEL e Xunta planexan fumigar sobre espazos protexidos, ríos e vilas

Onte ADEGA, entidade membro da Plataforma contra as Fumigacións, fixo públicos uns mapas coas ubicacións das fumigacións previstas por ASPAPEL e a Xunta, coa colaboración da Asociación Forestal e outros axente. Iremos actualizando con esta importante información revelada por ADEGA o noso mapa de alertas, pero namentres reproducimos a nota de ADEGA coas imaxes que eles fixeron públicas, incluindo as ligazóns aos mapas orixinais:

Fumigacions-PontevedraADEGA vén de coñecer as zonas propostas por ASPAPEL para desenvolver as fumigacións dos eucaliptais co tóxico Flufenoxuron nas provincias da Coruña (40 localizacións), Pontevedra (28 sitios) e Lugo (1 área).  Na documentación cartográfica, elaborada pola empresa Fitoaragón S.L., indícanse 69 áreas de 8 km de diámetro cada unha, denominadas “zonas de tratamento químico”. Nelas localízanse as masas de eucaliptos máis densas e con maior afectación do gorgullo, mais tamén inclúen lugares habitados, cursos fluviais e mesmo espazos da Rede Natura 2000. Dada a toxicidade do principio activo e a enorme dispersión dos métodos aéreos, persoas, animais e mesmo biodiversidade ameazada estarán expostas ao veleno. ADEGA advirte á Xunta de que podería estar sendo cómplice, de seguir “avalando” estas prácticas, dun delicto contra a saúde das persoas e o medio ambiente.

Fumigacions-CorunhaUn importante número das áreas nas que están proxectadas as fumigacións inclúen territorio da Rede Natura 2000 no que están presentes, entre outras, especies protexidas de insectos a cuxa conservación obriga a Directiva 92/43 CEE e que tamén se verán afectados polo tóxico. Por exemplo, a bolboreta Euphydryas aurinia e o escarabello Lucanus cervus (vacaloura) están consideradas de interese comunitario e figuran no Anexo II da Directiva de Hábitats.

A maiores, as poboacións do lepidóptero Zerynthia rumina, considerada en perigo de extinción e do coleóptero Cerambyx cerdo (capricornio das aciñeiras, o escarabello máis grande de Galiza), vulnerábel, poderían sufrir os efectos das fumigacións. E alén dos insectos protexidos, tamén as aves insectívoras e os morcegos, entre outros, acusarían os efectos do veleno. FumigaPantinAtendendo á Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e á Lei 9/2001 de Conservación da Natureza calquera dano a estas especies podería ser constitutivo dunha falta moi grave e mesmo dun delicto penal, coa agravante de ser a propia administración quen o cometería.

Tivo en conta a Xunta a presenza destas especies protexidas, ameazadas e en perigo de extinción nas parcelas fumigadas, incluidas ou próximas a espazos protexidos? Considerou a Xunta os riscos das fumigacións sobre a saúde das persoas e a calidade dos recursos hídricos, dada a presenza nas “zonas de tratamento” de núcleos de poboación e cursos fluviais? Cal é a opinión da D. X. de Conservación da Natureza, da D. X. de Saúde Pública e de Augas de Galiza polo que atinxe ao envelenamento da auga?

A escandalosa submisión ao lobby do eucalipto que amosou a administración galega, corroborada por unha política forestal hiperpermisiva coas pasteiras e os seus intereses (Lei de Montes, Orde dos cultivos enerxéticos), non pode xustificar o envelenamento deliberado das persoas e o medio ambiente.