[Comunicado de prensa] Centos de persoas amosan en Compostela o seu rexeitamento ás fumigacións con Flufenoxuron e piden unha Galiza sen pesticidas

Manifestación Compostela - Fumigacións NONVarios centos de persoas secundaron onte, 10 de xuño, a manifestación convocada pola Plataforma contra as Fumigacións-Por unha Galiza sen pesticidas en Compostela, para protestar contra a intención da patronal pasteira de combater a praga do gorgullo do eucalipto con fumigacións por toda Galiza, utilizando medios aéreos, e cun pesticida que será prohibido este ano en toda a Unión Europea: o Cascade (do fabricante Basf) que ten por principio activo o flufenoxuron.

Manifestación Compostela - Fumigacións NONEste pesticida está catalogado como daniño pola Unión Europea e a súa venda estará prohibida a partir do 1 de agosto pola súa toxicidade sobre a fauna (especialmente as abellas) e o medio ambiente, razóns polas que non poderá ser empregado máis alá do 31 de decembro. A pesar disto, a Xunta e a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (ASPAPEL) pretenden levar a cabo unha campaña de fumigacións aéreas con este produto, que recoñece, na súa propia ficha técnica, ser tóxico para as larvas das abellas, co que iso supón, non so para as colmeas, senón para a agricultura e a natureza en xeral, polo papel fundamental destes insectos nos procesos de polinización.

Tras partir da Alameda ás 12:00 horas, a manifestación discorreu pola rúa da Senra, prazas Galicia e Toural e rúa do Vilar, para rematar na praza das Praterías. Alí, o portavoz da Plataforma contra as Fumigacións, Xesús Asorey, leu o seguinte manifesto:

A “PLATAFORMA CONTRA AS FUMIGACIÓNS. POR UN FUTURO SEN PESTICIDAS”queremos poñer en coñecemento da cidadanía que:

– A patronal pasteira, ASPAPEL, coa colaboración da transnacional química BASF, e a conivencia da Xunta pretenden fumigar mediante medios aéreos cun produto altamente tóxico os eucaliptais galegos afectados pola praga do gorgullo (Gonipterus scutellatus).

– Estes pesticidas xunto con outros sistémicos (agrotóxicos) están detrás da progresiva desaparición das abellas galegas, nos lugares onde máis se usan estes pesticidas desapareceron até o 80% das colmeas. Máis de 30.000 colmeas desaparecen todolos anos na Galiza. Esto convertese nun grave problema xa que as abellas cumpren unha función vital nos ecosistemas, como principal vector polinizador.

O sector apícola forma parte integrante da agricultura galega. Proporciona ingresos primarios ou complementarios a máis de 4.000 familias en toda Galiza.

Presta uns servizos vitais a agricultura a través da polinización e contribúe ao mantemento da biodiversidade. Calcúlase que un 84% das especies vexetais e un 76 % da produción alimentaria dependen da polinización por parte das abellas, cuxo valor económico é moito maior que o valor do mel producido e ascende a uns 15.0000 millóns de euros anuais na UE.

A apicultura tamén presta un servizo importante aos ecosistemas a través da polinización, que contribúe a mellora da biodiversidade ao manter a diversidade xenética das plantas e o equilibrio ecolóxico.

Por añadidura, a apicultura forma parte do património agrícola galego e das nosas tradicións.

Cal é a especie máis valiosa do planeta? Son as abellas, según quedou plasmado nunha reunión de prestixiosos científicos de todo o mundo, en Londres no ano 2008

Se as abellas desaparecesen, como os científicos veñen alertando desde fai anos, a supervivencia da nosa especie (e moitas outras) veríase seriamente comprometida; mesmo Albert Einstein advirtiu no seu momento de que a supervivencia da especie humana dependía das abellas.

– A fumigación con medios aéreos, provoca que até o 60% dos agrotóxicos dispersados caian fóra do seu obxectivo e se expandan a quilómetros de distancia do punto de fumigación. Deste xeito, o agrotóxico pode afectar e chegar a espazos naturais , a fincas veciñas con cultivos (derramando a produción ecolóxica se existira), as zonas habitadas debido a gran dispersión da poboacíon galega, e tamén afectaría a auga que bebemos. Alén do perigo para nosa saúde e a dos nosos nenos, xa que é nociva para os que son alimentados con leite materno.

– Xunto a aplicación masiva deste agrotóxico,vai incluído un tratamento biolóxico cunha avispa australiana (Anaphes nitens). Este veleno, o “Cascade”, matará tamén á Anaphes e a todo artrópodo nun radio de quilómetros, pólo que sería absurdo e contradictorio fumigar a masa forestal de eucaliptos con produtos químicos a vez que se está tratando coa avespa. Tratamentos biolóxicos que se veñen aplicando dende fai anos, e que segundo as propias fontes da Xunta de Galicia , continúan na actualidade, polo tanto tirando os cartos e acabando co traballo realizado.

– Ademais disto, debe tomarse en consideración que o produto empregado, o Flufenoxuron, é un insecticida que se atopa en período de moratoria e vai desaparecer do mercado polos efectos nocivos que ten sobre a saúde e o medio.O período de graza concedido pola Comisión Europea para ser retiradas as súas existencias remata o 31 de decembro de 2012. Dende a Xunta de Galicia non se fai mención a esta cuestión polo que nos fai sospeitar que está dacordo con estas industrias interesadas, neste caso BASF, en vender os seus “stocks” de pesticidas que nuns meses só poderá colocar en países do chamado “Terceiro Mundo”, acto que tamén denunciamos.

Polo anteriormente expresado amosamos o noso firme rexeitamento a este intento de fumigación e manifestamos que: Se a Consellaría de Medio Rural segue a avalar as esixencias da industria da celulosa e da industria química, e opta por non parar as fumigacións aéreas con agrotóxicos estará avalando a fumigación masiva da cidadanía galega, da flora e da fauna, e sobre todo levando por diante a nosa soberanía alimentar co exterminio das abellas. Todo isto, para beneficiar, ostentiblemente, ás grandes industrias madeireiras e de produción de celulosa, a costa de comprometer o futuro e a supervivencia dos nosos sectores agrarios e gandeiros e da cidadanía en xeral.

Fronte esta visión da administración pública dos nosos montes tan lesiva para o país, como cidadáns negámonos a aceptar que o conxunto do territorio galego se converta na finca privada dunhas poucas industrias con licenza para esquilmar e contaminar ao seu antollo en beneficio único e exclusivo das súas contas bancarias.

A única solución a esta situación é a prohibición destes pesticidas e agrotóxicos, xa que se trata dun problema que atenta contra as abellas, o medioambiente, a biodiversidade e a saúde pública. Reclamamos por tanto das administracións a adopción de medidas urxentes tendentes a prohibir o uso destes produtos nas masas forestais e tamén na agricultura. Neste sentido, a producción agraria debe estar orientada cara modelos alternativos, máis sustentábeis e respectuosos co medio ambiente, como a produción agroecolóxica. Unha nova agricultura libre de agrotóxicos e transxénicos é necesaria para que as nosas abellas continúen a prestar un servizo natural, gratuíto e dun incalculable valor.

– Denunciamos que o principal responsabel da praga é o monocultivo de eucalipto que se estende por toda Galiza. Ademais de ser unha especie alóctona, este cultivo é un grave erro que converteu os nosos montes en “desertos verdes” causante dunha das grandes lacras do noso país, o lume. A única solución e outra política forestal baseada na multifuncionalidade e a diversidade produtiva do monte coa utilización doutras especies vexetais, que promovan un uso alternativo ou complementario, baseado na correcta ordenación dos nosos montes e do territorio para que formen parte da sociedade en xeral, e da veciñanza do rural. Isto bastaría para corrixir os erros cometidos ata o de agora o mesmo tempo que serven de alternativa o abandono do monte e a xeración de emprego.

– Pedimos que nestas medidas correctoras e de paralización das fumigacións se impliquen o resto das consellerías, que como Sanidade ou Medio Ambiente tamén teñen algo que dicir, xa que está en xogo a saúde pública e a nosa propia supervivencia.

Con todo o manifestado defendemos “A biodiversidade e a función produtora de alimentos do noso medio rural, que so se garante con prácticas agrícolas e forestais que sigan os principios da Agroecoloxía”.

Moitas grazas dende a Plataforma contra as Fumigacións

Mapas das fumigacións aéreas previstas en Galiza co pesticida catalogado como tóxico pola Unión Europea

A partir dos mapas divulgados a semana pasada por ADEGA, vimos de realizar un gráfico onde se pode apreciar mellor o alcance das fumigacións aéreas planificadas por ASPAPEL coa colaboración da Xunta e outras entidades. Sobre os círculos de 8 Km de diámetro que aparecían nos mapas da empresa que planificou as fumigacións marcamos áreas difusas de dispersión para recoller graficamente os datos que publicacións como a do doutor Jorge Kaczewer da Universidade de Bos Aires (Uso de agroquímicos nas fumigacións periurbanas e o seu efecto nocivo sobre a saúde humana), que alertan de que ao empregarse medios aéreos os pesticidas poden esparexerse a quilómetros de distancia dos puntos de fumigación.

Este mapa non recolle a dispersión que se poida producir polos fluxos de auga superficial ou soterrada, nin pola mobilidade dos animais contaminados, que obviamente poderán levar o flufenoxurón a moita máis distancia: lembremos que é un pesticida moi bioacumulable, é dicir, que permanecerá nos tecidos dos animais durante longo tempo acumulándose ao longo da cadea trófica.

É preciso que todos/as os/as galegos/as reaccionemos diante desta barbaridade sen precedentes, sobre todo aqueles que viven nas aldeas e vilas directamente afectadas, porque non soamente están en perigo as abellas, os peixes, os paxaros insectívoros, os morcegos, e moitos outros animais das zonas afectadas senón que a nosa saúde e a viabilidade da nosa agricultura están en grave perigo. Non quedes parada/o e reacciona! Trasmite esta información a canta xente poidas, para que poidamos deter estes plans ecocidas! Grazas!

Mapa das fumigación con flufenoxurón (Cascade) que teñen previsto realizar en media Galicia

A Xunta continúa tentando calar a protesta contra as fumigacións en Facebook

Unha das moitas capturas da ciberprotesta en Facebook contra as fumigacións avaladas pola Xunta de GaliciaMoitas das mensaxes que enviaron os usuarios de Facebook foron onte borradas polos administradores da páxina da Xunta nesta rede social. E aínda hoxe continúan a aparecer novas mensaxes de indignación pedindo que se cancelen as fumigacións previstas e a Xunta continúa a borralas.

Grazas á propia colaboración dos internautas esas mensaxes non se perden de todo. Hoxe ofrecémosvos un par de animacións (en formato GIF) que nos fixeron chegar incluíndo 24 horas de protesta en Facebook, en concreto as que utilizan a sección de Recomendacións na propia páxina da Xunta. As mensaxes non aparecen completas pero ben serve de mostra do nivel que está a acadar a protesta contra estas fumigacións na Rede.

  1. Ver primeira parte da animación (1,2 MBytes): Protesta en Facebook contra as fumigacións avaladas pola Xunta de Galicia.
  2. Ver segunda parte da animación (4,2 MBytes): Protesta en Facebook contra as fumigacións avaladas pola Xunta de Galicia.

Dispoñemos tamén de numerosas capturas de mensaxes tomadas en diversos momentos desta fin de semana de ciberloita contra as fumigacións, como a que acompaña esta noticia. Se tes ti outras capturas fáinolas chegar e irémolas publicando. Grazas!

O Goberno proíbe a nosa manifestación en Melide pero nós… iremos á festa!

Aínda que non é habitual que se denegue o permiso para exercer o dereito a manifestarse, nesta ocasión a Delegación do Goberno, seguramente preocupada pola incidencia dun acto molesto para os plans da Xunta e das empresas responsables das fumigacións, decidiu aplicar o prazo mínimo de solicitude, entendendo que non hai motivos que xustifiquen a urxencia da convocatoria.

Se cadra se fosen fumigar con carácter inmediato a casa do delegado do Goberno, aplicaría un criterio diferente, pero isto é o que temos.

Xa que logo, a Plataforma decidiu renunciar a realizar unha manifestación pero mantemos a cita prevista con todos na Foliada de Melide, para realizar información cara a cara e participar como outros cidadáns máis na festa melidense. Informemos en animada e festiva conversa aos nosos paisanos en Melide! Festa con conciencia! Festa activa!

(Lembrade mercar un tarriño de mel nos postos de venda de Melide… seica se lles acaba!) 😉