A enganosa sustentabilidade de ASPAPEL

ASPAPEL: S.O.S.tenibilidad????Nos últimos anos ASPAPEL ten publicado tres informes de sustentabilidade, o último deles en setembro de 2011. Habería moitos motivos para cuestionar a pretendida sustentabilidade das empresas que se agrupan neste sector, permitíndonos reforzar a idea de que estamos diante dun documento que só ten pretensións de propaganda destinado a lavar a imaxe deteriorada deste sector. Con todo, imos cinxirnos ao elemento onde estamos a centrar a denuncia desde a nosa Plataforma, o uso do pesticida flufenoxurón co que se pretende fumigar gran parte dos nosos montes e do noso país.

Xa desde a presentación do informe dísenos que ASPAPEL formula “su visión de la sostenibilidad como la contribución decidida del papel y las empresas que lo fabrican a la mejora de la calidad de vida y al desarrollo sostenible, mediante la gestión forestal sostenible, procesos productivos limpios y el reciclado continuo de sus productos”. Sen entrar nos outros aspectos, se ASPAPEL interpreta a sustentabilidade con base na xestión forestal sustentábel, por todo o que xa coñecemos da toxicidade deste pesticida que debe ser retirado do mercado por mandato da Unión Europea, deberíamos afirmar que a iniciativa desta asociación vai radicalmente en contra da sustentabilidade, porque evidencia unha xestión forestal totalmente insustentábel posto que as repercusións para a fauna, os acuíferos e a saúde humana son de tal envergadura que é imposíbel construír sobre estas prácticas un modelo que se poida estender no tempo.

Máis ainda, reiteran posteriormente (pax.20) o compromiso coa implantación da xestión forestal sustentábel e a súa “certificación, que garantiza que los productos papeleros proceden de madera cultivada en plantaciones gestionadas sosteniblemente en España”, para despois afirmar (pax.21) que “la industria papelera apuesta por la gestión forestal sostenible y su certificación, por una gestión cada vez más eficaz de las plantaciones, y por la adecuada movilización de las existencias de madera, pero necesita el apoyo de las administraciones central y autonómicas para hacer realidad ese potencial forestal”.

É imposíbel, por moitas voltas que lle deamos á linguaxe, que nestas circunstancias se poida certificar unha xestión forestal sustentábel e que a industria papeleira poida garantir en boa lei que os seus produtos papeleiros poidan proceder daqueles se na mobilización das existencias de madeira entran aquelas que procedan dos montes fumigados. As administracións centrais e autonómica tampouco poderán contribuír a dar estas garantías se, por activa ou por pasiva, son cómplices das fumigacións.

Deste modo, tamén resulta cínico afirmar que (pax.28) “para que el consumidor pueda tener la seguridad de que los productos papeleros que utiliza son sostenibles, contamos con la certificación forestal”. Ou ben a madeira extraída destes montes deixa de estar certificada ou perde a posibilidade de chegar a estalo, por non existir nin moito nin pouco unha xestión sustentábel, ou ben, de ser certificada, perdería toda credibilidade o proceso de certificación que, a dicir de ASPAPEL “se trata de un proceso en el que una entidad independiente, oficialmente acreditada, certifica que la gestión de la superficie forestal de que se trate se realiza de acuerdo con criterios de sostenibilidad y controla después la cadena de custodia, cuando la madera certificada entra en las fábricas. Se sigue el rastro de la madera desde el bosque hasta el consumidor final, quien recibe un producto con una etiqueta que garantiza su procedencia de un bosque gestionado sosteniblemente”.

Polo tanto, ou ben ASPAPEL traizoa os seus fundamentos ao non garantir que os produtos papeleiros están debidamente certificados, ou ben as entidades certificadoras –en caso de manter as certificacións sobre a madeira fumigada- traizoan a súa independencia ao acreditar, contra os seus propios criterios, que a fumigación área cons pesticidas tóxicos, bioacumulábeis e que están nos listados de pesticidas perigosos e sobre os que a propia UE ordena a súa retirada pode ser considerada sustentábel, o que, ademais, vai contra toda razón e validación científica.

En definitiva, a única garantía para o consumidor, caso de que as fumigacións seguiran adiante, sería que as certificacións sobre estes montes fosen retiradas ou non concedidas, o que levaría a que ASPAPEL, se actúa con honestidade, debera renunciar ao seu cacarexado compromiso coa sustentabilidade.

ASPAPEL recoñece no seu informe que só o 10,7% da madeira consumida polo sector en 2010 era madeira certificada e manifestaba que habería que ampliar a superficie certificada desde o 7,5% para achegala á media europea (30%). Malia estas afirmacións ASPAPEL di unha cousa e actúa para conseguir o contrario, reducir aínda máis a superficie e madeira certificadas.