A Xunta tenta silenciar o clamor popular de protesta polas fumigacións borrando centos de mensaxes recibidas na súa páxina de Facebook

Como resultado da nova ciberacción de protesta posta en marcha coa colaboración de Actuable, o muro de Facebook oficial da Xunta de Galicia comezou encherse onte pola tarde de mensaxes de protesta chegados desde Galiza, España, e outros países incluídos moitos da nosa diáspora.

Portada que difunde a ciberacción en Facebook

Esta tarde, case 24 h despois, os administradores desta páxina comezaron eliminar algunhas destas mensaxes que estas persoas en solidariedade coas demandas desta Plataforma deixaban ao pé das diversas noticias oficiais da páxina. Así e todo outras moitas permanecen aínda na sección Recomendaciones (3.051 á hora que publicamos esta nota), e seguen a aparecer novas mensaxes ao pé das noticias de onde borraran previamente outras mensaxes.

Este acto de censura demostra ser inútil ante a avalancha de xente que protesta indignada pola autorización da Xunta ás fumigacións previstas en case 350.000 ha da nosa terra, tal e como sabemos agora grazas aos mapas filtrados da empresa Fitoaragón, e polas mentiras descaradas do único responsable do goberno galego que deu a cara ata o de agora.

É inútil porque moitas desas mensaxes quedaron rexistradas nunha captura que fixo un usuario á 1 da madrugada do sábado 5 de maio. Loxicamente faltan moitas que foron deixando outros usuarios do Facebook no trascurso do sábado, pero é unha mostra suficiente da indignación popular ante estes asasinos plans.

Namentras, a protesta continúa tamén en Twitter cos lemas #fumigacionsNON + #queremosAbellas.