Logo Parcelaria
Volver á páxina principal

Significado artístico da Parcelaria

(Quixera por un momento deixar a unha beira a apremiante importancia que ten o proxecto Parcelaria.com para a supervivencia da organización "FIllos de Galicia", e botar unha ollada, desde a maior humildade, ao posible significado artístico que posúe.)

A Parcelaria Virtual pola Cultura GalegaCando ollo para ese mapa pixelado que dá forma á "Parcelaria Virtual pola Cultura Galega" non podo deixar de ver, por primeira vez plasmada dun xeito visible, concreto, esa xeografía abstracta na que reside a nación virtual espallada polo mundo adiante que somos os galegos. Porque se recoñecemos a existencia da chamada galeguidade, ese ente común que nos une nun mesmo territorio místico/mítico (semellante á umma dos musulmáns) a todos os que dunha ou outra forma nos sentimos/chamamos galegos... daqulea, u-lo ese territorio?

Pode ser o entorno xeofísico da esquina noroccidental da Iberia? Pode ser a demarcación xeopolítica da Comunidad Autonóma Galega? Ou coido que non. Teño para min que no momento histórico en que comezou de forma masiva o fenómeno migratorio galego, comezou a disolución das nosas fronteiras espirituais como pobo. Daquela a forza telúrica do interminable trauma pariu unha nova Galiza que deixou de estar contida nos límites da nosa xeografía, que viaxou coma un virus aloxado nas mentes dos que marcharon e que producía ese síntoma chamado morriña trasmitido de xeración en xeración, coma unha especie de pecado orixinal que impregna os xenes da nosa etnia.

Pero ese virus da galeguidade, como os fractais, levaba en si mesmo a escala microscópica, gravada na súa forma, a forma e o contorno de Galiza. E seivos de que falo: os marcadores xenéticos do meu virus levan a forma dunhas coordenadas xeográficas ben precisas: Sobrado e Boimorto, e tamén a cidade da Coruña, onde mora a única familia que aló me queda. Os anos que levo á fronte de Fillos.org permitíronme coñecer que este caso se repete en milleiros de persoas, en centos de lugares do mundo, cun patrón idéntico mais referido a outros puntos concretos da nosa costa, do noso interior, dos nosos montes e ríos... e que leva nomes que máis que circuscricións administrativas, que son unha especie de topomitos que nos estarrecen co seu relixioso significado tan só con os pronunciarmos ou escribirmos, cunha intensidade proporcional á distancia que nos separa das súas contrapartidas físicas.

E son esas ubicacións xeoemocionais as que vexo reflectidas cando fito para os cadradiños verdes deste mapa. Pero esa só é unha capa da realidade galega que estamos a verquer nel, unha realidade e identidade tan duais que deberían reflectirse nunha segunda banda que cruzase a nosa bandeira. A outra capa é a Galiza que quedou, ou mesmo a que retornou da emigración pechando o círculo para parir fillos que volvan ter que emigrar nunha espiral sen fin gravada no petroglifo do noso destino coma unha maldición bíblica.

E así é que nos espazos en que se divide (ou se xunta?) Galiza nesta representación cuadriculada mestúranse eses galegos que residindo na versión física dos nosos lugares míticos ollan para nós, os que estamos aquí fóra ollando para eles, construindo con esa ollada pontes de lingua, cultura e solidariedade sobre a fenda que tan inmensa coma o Atlántico, tan inmensa coma as xeracións, afasta esas dúas metades da nosa alma como pobo.

Dúas metades de novo fundidas nun molde feito de 1.048 parcelas con cadansúas coordenadas nun plano de dous eixes que son as mesmas dúas metades. Longo por alto. X e Y. Dentro por fóra. Galiza e o mundo. Galiza e Galicia. Galegos por galegos igual a un pobo, unha superficie bidimensional, unha identidade dual, unha paisaxe mental, un territorio emocional. Un mapa mestizo e democrático onde cada pixel é igual en dereitos e identidade a outro pixel, sen importar se ven de dentro ou ven de fóra, onde cada parcela chea fúndese coas contiguas racahando coas catro barreiras grises da indiferenza, da discriminación, da insolidariedade e do minifundismo mental.

Casdeiro, 10 de Marzo de 2006.


Grazas á Parcelaria isto é posible:

Fillos.org:

PlanetaGalego.info:

Galeguidade.net: