A CIDADANÍA GALEGA NA REVOLTA GLOBAL
O mundo enteiro está en crise, unha crise de dimensións múltiples, unha crise de traballo, de acceso aos alimentos, enerxética, medioambiental e financeira. As solucións que nos impoñen desde o poder –máis libre comercio, máis cartos públicos para rescatar os bancos, o sector automobilístico e inmobiliario, máis oligopolios, máis transxénicos, etc.– tratan de esconder que a crise é produto do sistema capitalista e do neoliberalismo, que só afondarán os seus impactos sobre os pobos, as persoas e sobre o conxunto do planeta.
Nos últimos meses produciuse unha das crises financeiras máis significativas da historia recente. Para evitar a quebra de bancos e do sistema financeiro internacional, así como para restaurar o “normal” funcionamento do mercado, as elites políticas e económicas están a xerar respostas de intervención sen precedentes baseadas fundamentalmente na inxección xeneralizada de liquidez e nos subsidios a corporacións transnacionais en crise. Fronte a isto continúase a ignorar a crise máis importante: o sistema asentado artificialmente sobre un modelo consumista insostible ten como único soporte o endebedamento, mentres que o medre da brecha entre ricos e pobres, a precariedade, a invisibilidade dos traballos realizados dende sempre por mulleres e o desregulamento laboral son concibidos como algo consubstancial ao propio sistema, un medio máis para manter e incrementar os beneficios duns poucos en detrimento das persoas.
Esta resposta contrasta directamente coas políticas neoliberais que se veñen impondo por parte do Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional e a Organización Mundial de Comercio durante os últimos trinta anos.
Os países do Sur foron forzados a liberalizar as barreiras comerciais, desregular os mercados financeiros e laborais, privatizar as industrias nacionais, abolir os subsidios e reducir o gasto social e económico. Unha ortodoxia que os “ricos” incumpren cando interesa e agora máis ca nunca. As estimacións acerca da cantidade de cartos que os estados empobrecidos perden por fuga de capitais e expatriación de ingresos impoñibles varía de 350.000 millóns a 500.000 millóns de dólares ao ano.
O FMI calcula que as perdas directas da crise financeira provocará a entidades de todo o mundo un monto de 1,4 billóns de dólares, pero as perdas económicas globais estímanse moito maiores.
A resposta fulminante dos gobernos dos países máis industrializados para rescatar os bancos e as institucións financeiras contrasta severamente co seu fracaso en responder a esta crise irresolta de pobreza, marxinalización e privacións que aflixiu á maioría dos pobos do mundo durante tanto tempo. Nunhas poucas semanas, estas elites comprometeron varios billóns de dólares de fondos públicos para rescatar bancos privados e institucións financeiras privadas.
As finanzas desregulamentadas e a liberalización dos mercados, destrúen as sociedades. Isto ocorre silenciosamente, día a día, cando os accionistas presionan ás empresas, é dicir, as persoas que vivimos do noso traballo, para sacar maior rendibilidade, tanto no Norte coma no Sur, sendo nas crises agudas nas que se revelan brutalmente os incribles excesos da cobiza especulativa e a súa repercusión sobre o medio ambiente e a vida das persoas. Crecemento das desigualdades, paro, precariedade, destrución medioambiental, liquidación de explotacións labregas e do mundo rural, deslocalización das produccións, etc. As persoas máis pobres están condenadas a pagar os gastos producidos pola especulación xerada e os inconvenientes que se derivan do crack subseguinte.
Os efectos da crise financeira serán graves. As previsións actuais son moi pesimistas pero seguramente aínda se agraven. Na UE o paro ha aumentar do 7% ao 9% entre 2008 e 2010, e no Estado español alcanzará o 19%, destruíndo emprego intensamente: preto de 800.000 empregos, segundo as últimas previsións. O desemprego xuvenil, especialmente as persoas menores de 25 anos, é significativamente dramático. Mentres o Goberno español poderá chegar a investir ata 150.000 millóns de euros para axudar á banca, o que destina a axudas contra o desemprego é 170 millóns de euros.
Aos efectos económicos producidos pola irracionalidade dos dogmas económicos imperantes é moi probable que se sumen a partir de agora os causados polo choque contra os límites ecolóxicos e xeofísicos do Planeta. Un deses límites é a chegada da produción mundial de petróleo ao seu teito, algo de gravísimas consecuencias a todos os niveis e contra o que non se está a actuar. É imposible o crecemento perpetuo da produción e do consumo nun planeta finito, e as políticas que o neguen son inxustificables ademais de nos abocaren a un futuro de escaseza e loita violenta polos escasos recursos materiais e enerxéticos.
Así poís, asistimos á primeira crise da globalización sen ter claro como resolvela. Se ben ata o de agora o sistema capitalista resolvía as crises destruíndo forzas produtivas xa for guerras ou reconversións, na actualidade asistimos a unha burbulla financeira inflada artificialmente por movementos especulativos difíciles de cuantificar e redimensionar.
Xa sabiamos que o liberalismo actual era unha gran mentira: subvencións e axudas ás multinacionais do Norte e fortes aranceis aos pequenos produtores e produtoras. A libre circulación de capitais existía pero a libre circulación de traballadores e traballadoras era freada por centos de valados e muros. Agora descubrimos algo “novo” tras as operacións dos gobernos por rescatar os beneficios da banca: o liberalismo consiste na legalización do roubo.
Ademais, nos últimos anos asistimos a un recorte de liberdades públicas tendo como escusa a loita contra o terrorismo internacional. Criminalízase a disidencia e perséguense os movementos sociais. Estase a empuxar á xente a que se sinta profundamente insegura; a miseria e as dificultades aumentarán en todas as partes, impactando especialmente nas capas sociais máis empobrecidas. A violencia de xénero segue presente e segue como a realidade na que vivimos As mulleres, a ser inivsibilizada. Grupos neofascistas, populistas de dereita ou xenófobos tentarán aproveitarse do medo e da cólera da xente para os seus fins reaccionarios reforzando o bucle da violencia e servindo de coartada aos gobernos para instaurar posibles estados de excepcionalidade.
Galiza non é allea a esta situación. A crise vén agravar a situación creada por políticas neoliberais dos distintos gobernos: desestruturación social, crecemento da precariedade laboral, desmantelamento de infraestruturas claves de vertebración territorial e de transporte sostible –tren de proximidade, transporte colectivo por autoestrada– , recorte nos servizos públicos, proceso de desertización do mundo rural e de liquidación das pequenas e medianas explotacións agrogandeiras familiares, desmantelamento do tecido produtivo mariño, políticas de agresión ao medio ambiente.
É HORA DE ACTUAR
En xeral, a esquerda institucionalizada abandonou hai tempo os seus programas de transformación social, ben porque non quere ben porque non é quen de levar adiante propostas de cambio.
Somos os movementos sociais e as cidadanías de diferentes rexións do mundo os que temos dado a cara diante da incertidume. Primeiro poñendo en marcha un movemento de resistencia diante dos diferentes cumios dos amos do mundo. Segundo, xerando espazos de reflexión en diversos foros sociais. E, de seguro, artellando propostas programáticas de cambio como xa o están a facer as organizacións sociais e movementos cidadás en diversas partes do mundo.
O proceso de globalización neoliberal posto en marcha desde o inicio dos anos noventa ten demostrado que o modelo socioeconómico de capitalismo global ten sido un fiasco no desenvolvemento humano do pobos e no medioambiental dos territorios. A globalización construíuse de costas ás persoas e á custa do planeta.
Os movementos sociais e as cidadanías de diferentes rexións do mundo témonos oposto á globalización neoliberal e xa desde o principio empezamos a organizar os primeiros movementos de resistencia global.
Moitas cousas mudaron nestes anos e a recente crise do capitalismo global está a amosar a necesidade de avanzar non só no intercambio de ideas e na coordinación de iniciativas senón nun movemento de acción global baseado nunha opción programática de transformación que permita aos movementos sociais recuperar o papel político que nos corresponde no cambio das políticas.
Os movementos sociais e organizacións cívicas galegas imos artellar unha rede para a mobilización global que teña como elementos vertebradores:
– Unha iniciativa plural e aberta a todas aquelas persoas e colectivos que queren impulsar un proxecto de cambio estratéxico sistémico. Politizar a acción social nun proceso dinámico de mobilización e incidencia política que, sen caer nun principismo paralizante que nos leve a unha vía morta, nos permita trazar unha aposta de cambio lonxe do modelo que sitúa aos movementos sociais como subalternos dos partidos políticos.
– Unha aposta transversal. Un dos grandes logros do sistema é a fragmentación de loitas. Faise necesario artellar redes globais e transversais de cambio.
Non é posible abordar a loita contra as desigualdades sociais sen abordar os limites ecolóxicos do crecemento; formular a loita por un comercio xusto norte-sur sen asumir a soberanía alimentaria; formular o cambio do modelo produtivo sen atender ás demandas das vítimas da deslocalización; traballar procesos de integración sen abordar os dereitos das e dos inmigrantes.
– Unha opción programática que teña como piares a radicalidade democrática, o modelo económico sustentable ao servizo das persoas en harmonía coa natureza e a xustiza social global. Unha proposta que busque solucións reais no decrecemento, a sustentabilidade e a soberanía alimentaria.
Trátase de elaborar novas pólas políticas que antepoñan os dereitos presentes e futuros da humanidade aos intereses do capital:
- Dereito á soberanía alimentaria dos pobos
- Dereito a un traballo e a unha vida digna e contra a precariedade laboral e as novas formas de escravitude
- Remuneración correcta do traballo
- Deslexitimación das políticas económicas e sociais que reporducen as estructuras patriarcais
- Defensa e extensión dos servizos públicos
- Mantemento dos valores ambientais (especies e espazos), dos recursos naturais (auga, sementes…) na esfera do público
- Dereito ao medio ambiente fronte ás agresións ao territorio
- Sustentabilidade enerxética
- Defensa das liberdades e novas formas de participación democráticas
- Defensa dos dereitos humanos, a multiculturalidade e a paz
Estamos inmersos e inmersas nunha crise global sen precedentes. Na nosa man está buscar os mecanismos para que esta non sirva para fortalecer políticas económicas desiguais e inxustas. Mentres os líderes mundiais pretenden refundar o capitalismo, os movementos sociais debemos abordar o calendario e os instrumentos para converter o 2009 nun ano de acción global contra o capitalismo con resultados efectivos e non só efectistas. A crise económica mundial podemos e debémola converter nunha oportunidade histórica de transformación.
Nós, a Rede Anticapitalista, apoiamos unha transformación imprescindible e de longo alcance do sistema económico e financeiro internacional.
Non nos resignamos. Cremos que o cambio do mundo é posible, cremos na alegría e proclamamos que se fan necesarios:
1. Cambios estruturais fundamentais para transformar o sistema mundial económico e financeiro nun modelo de xustiza global.
2. Estruturas e políticas económicas globais que poñan primeiro as necesidades dos pobos, que respecten e promovan os dereitos humanos e a xustiza social e ambiental –o emprego digno; medios de vida sustentables; servizos públicos, como o coidado da saúde, a educación, vivenda…; servizos de auga e enerxía limpa…
3. Devolverlle á poboación o control sobre os recursos e decisións que afectan ás súas vidas.
Instamos a todos os movementos sociais, organizacións populares, coalicións, redes e formacións cidadás en todo o mundo a organizar diversas formas de accións durante 2009. Que sexa o comezo de moitas accións máis na loita polos nosos dereitos e para construír unha orde global nova, xusta, equitativa, democrática e sustentable.
Aínda estamos a tempo de mudar as cousas e salvar o planeta. Agora é o momento de actuar!
A cidadanía galega xunto cos seus movementos sociais, que en momentos recentes demostrou ter unha gran capacidade de mobilización e dignidade, non vai quedar parada e vai participar na revolta global que xa comezou nos países do Sur e tamén aquí. Por outra Europa social, dos pobos e non das multinacionais.
