Organización e Bases de Funcionamento
- A Ra! é unha rede para a mobilización cidadá. Integrada por organizacións sociais e persoas a título particular, A Ra! ten como obxectivo xerar sinerxías na procura dunha masa crítica que permita superar o sistema capitalista e as crises que o acompañan.
- A Ra! aspira a integrar amplos sectores sociais nunha dinámica transformadora baseada na acción non violenta. A Ra! non é unha plataforma eleitoral nen o trampolín de ningunha candidatura, senón unha iniciativa para levar a política á rúa. Non poderán facer parte da rede estruturas partidarias e cargos públicos.
- A Ra! organizarase de forma asemblear, en plenario e nas comisións que neste se estabelezan. En cada xuntanza unha persoa moderará o debate e outra tomará nota dos debates. Nos períodos entre asembleas o traballo desenvolverase por listas de correo-e ou similares. Se a asemblea o considerase necesario, por mor do número de organizacións integradas ou o volume de traballo xerado, poderá ser criada unha comisión dinamizadora eleita en plenario e renovada no seu 50% con periodicidade semestral.
- As organizacións participarán na rede por medio de cando menos un representante estábel, podéndose implicar todas aquelas persoas que así o desexen. Unha persoa non poderá representar simultaneamente a varios colectivos. As decisións serán tomadas por consenso sempre que for posíbel e o traballo estará baseado na confianza e respeito mutuo entre as organizacións e persoas implicadas.
- A asemblea fixará unha axenda de traballo. Cada actividade proposta deberá ter responsábeis para ser aprobada. Os gastos xerados polo funcionamento da rede serán asumidos solidariamente polas organizacións integrantes. Actuarán como portavoces da rede? aquelas persoas designadas previamente pola asemblea con ese fin.
- A Rá! terá un sitio web propio no que cando menos se recollerán manifesto, organizacións integrantes, contacto e convocatorias.
- O nome da rede non poderá ser utilizado por unha ou varias das entidades pertencentes a esta sen o consentimento da asemblea ou para desenvolver actividades propias á marxe da rede.
