O outro día unha persoa estrañábase da miña defensa e preferencia polas lámpadas de toda a vida, as incandescentes.
Por un lado dicíame o moito que consomen. Pode, pero no fondo o que conta é o consumo total, e se trocamos incandescentes por LEDs ou as velenosas fluorescentes (CFL) e aforramos aí uns Ws (de consumo final soamente, porque non esquezamos que desbotar unha lámpada xa en uso para mercar outra fabricada no quinto carallo e trasportada ata a tenda da nosa cidade xa leva ás súas costas moitos KW de partida gastados)... pero ao tempo usamos aparellos que consomen nun só minuto moitísima máis enerxía (aspiradoras, batedoiras, lavadoras, etc.) ou simplemente enchemos a nosa casa de aparellos todos sumando consumos... qué diferenza neta supón?
Penso que é preferible un consumo moito máis parco, sen tantos electrodomésticos, e usar lámpadas incandescentes, que por unha banda no inverno axudan a quentar unha casa ben illada (son eficientes estufiñas eléctricas!) e por outra, o máis importante, son tecnoloxías doadas de manter nun mundo pospetróleo, polo menos moito máis cás LEDs.
Dicíame esta persoa que unha fábrica de LEDs é doada de poñer en calquera parte e que podiamos estar producindo aquí os diodos destas lámpadas. Pero eu replicáballe que non deixa de ser electrónica, unha tecnoloxía moito máis complexa e dependente de todo tipo de insumos (semicondutores, etc.) mentres que as incandescentes son tecnoloxías ¡do século XIX! que con poucos materiais e aparellos (algo de metal e vidro, aparellos para facer o baleiro e encaixar as pezas) poden crear unha tecnoloxía moi eficaz e moi duradoira. Aí está a famosa lámpada que nos EUA leva máis de 1 século a funcionar seguido!
En definitiva, eu vexo un futuro postindustrial no que aínda se poida fabricar unha lámpada incandescente fornecida con electricidade local, pero non un futuro onde se poida substituír unha lámpada de LEDs con tecnoloxía local.

